SUSPENDIDA En canto o animal da noite se aparea co planeta podo aventurarme a ver o que podería ser. Un país de paxaros estará do outro lado se te embarcas en ser por fin esa emigrante. Si –digo eu– e non regresarei máis nunca ás costas douradas do meu precario país. Contempla agora o peito que non ha reproducirse. Nalgún lugar, nunha esfera, talvez esteas andando, filla, coa nena que fun e que morreu. Talvez Jizo e os nenos da auga estean da man a camiñar contigo. Só ti vagas por detrás do tempo e non logras encontrarme. Va e perenne, esfera quieta; miles de seres non nacidos buscan entre as sombras os seos das súas nais. Avanzan entre a néboa cos ollos acendidos, bracean dende o escuro, preguntan en voz alta. Pero ti non me encontras, filla miña. Non podo imitar os meus eles para debuxarche as pestanas, nin un punto e seguido para poñerche un lunar. Os meus poemas non me tiran do xersei, nin me erguerán ás tres da mañá presas do pánico. ...